Manuel Baltar reúnese co presidente do consello regulador de "Pataca de Galicia"

O Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao novo presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida "Pataca de Galicia", Guillermo Budiño, acompañado do secretario desta entidade, Ricardo Losada, reunión na que Manuel Baltar amosou a disposición da institución provincial de colaborar con este consello regulador, colectivo que atende o labor que se desenvolve no ámbito da pataca en Galicia, pero onde destaca Ourense como provincia coa maior porcentaxe de produtores censados na Comunidade Autónoma, co 85 %, seguido da Coruña (11 %) e Lugo (4 %). O presidente do goberno provincial explicou que, na liña da cooperación cos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas de Ourense -Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra-, aos que a Deputación de Ourense apoia economicamente para os gastos de xestión e funcionamento, a institución provincial estudará unha opción parecida de colaboración, tendo en conta as valoracións que desde o consello regulador lle fixeron chegar ao presidente provincial, con obxectivos que pasan por incrementar o número de produtores inscritos; seguir acreditados por ENAC cos correspondentes certificados de calidade, e aumentar as campañas de promoción e información. Na reunión tamén se falou da posibilidade de contar por parte do consello regulador cunha nova cámara de conservación para mostras. Manuel Baltar trasladoulle aos directivos o seu interese por realizar unha visita ao consello regulador, e confirmou que continuará a colaboración co Instituto do Campo -o centro de investigación da Deputación de Ourense situado en Xinzo de Limia-, desexando que o consello regulador da IXP "Pataca de Galicia" "siga desenvolvendo o seu labor e que repercuta no ben dunha comarca que, sen dúbida, no ámbito agrario é a máis importante de Galicia", expresou o presidente da Deputación.

Undefined